O Cocido de Lalín viaxa a Nova York
O vindeiro 26 de abril, Lalín levará o seu prato máis emblemático á Casa Galicia de Nova York, nun dos actos máis destacados do ano para a nosa marca gastronómica.
O alcalde José Crespo e a concelleira de Cultura Begoña Blanco presentaron esta iniciativa, xunto ao lalínense José Gil en directo desde Estados Unidos, presidente da entidade galega en Nova York e impulsor da iniciativa, que será ademais distinguido nunha Encomenda en formato reducido durante o evento.
Tres cociñeiros lalinenses, patrocinados por Abanca, viaxarán á Gran Mazá para garantir un cocido “como o de aquí”.
O acto contará coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e dunha delegación da Mancomunidade do Salnés.
A música correrá a cargo do grupo Terra Nosa (fundado en 1947 en NY) e da gaiteira Cristina Pato, que se suma á celebración desde Harvard.
A Casa Galicia achegará instalacións e intendencia para un evento que poderá reunir ata 450 persoas.
Crespo destacou que esta acción non terá custo para o Concello e reforza a proxección internacional da Feira do Cocido, clave para manter o seu recoñecemento turístico e avanzar no obxectivo de que o cocido sexa Patrimonio Inmaterial da Humanidade.
As persoas de Lalín interesadas en asistir poden contactar co Concello para organizar a súa viaxe.